13/4/09

O curioso incidente do can á media noite

Autor:Mark Haddon

14 comentarios:

  1. Aida Valverde Cabaleiro

    O libro "O curioso incidente do can á media noite" é moi entretido para ler, ademais de sinxelo e cun ton de humor e misterio que enreda e anima a calquera a lelo.

    A historia empeza coa investigación por parte do protagonista, Christopher, da morte de Wellington, o can da súa veciña; e ao longo da cal descubrirá algúns segredos familiares que o seu pai lle escondera.
    Christopher é un rapaz distinto ós demais.É un neno algo autista, que ten unha intelixencia privilexiada (sobre todo para as matemáticas) e certas peculiaridades na súa vida; como é o feito de que non lle guste a cor amarela e a marrón porque lle dan mala sorte, que sexa moi escrupuloso, que non lle gusten os lugares onde hai moita xente nin o contacto físico, etc.Ademais o rapaz ten como mascota unha rata chamada Toby, que leva a todas partes; e só ten unha amiga na escola, Siobhan.
    El vive co seu pai, quen mantén unha valiosa paciencia co seu fillo e sácao de tódolos líos nos que se mete; pero cando Christopher descobre ó asasino de Wellington e que o seu pai lle mentiu sobre a súa nai, decide coller un tren e marchar a vivir a Londres con ela, e empezar así unha nova vida.
    O libro, en xeral, é orixinal e distinto a tódolos demais, tanto á hora de ler como na súa estrutura e debuxos(emoticóns); como é no caso dos capítulos, que están numerados seguindo os números primos. Recoméndoo a todo aquel que queira algo fácil, divertido e distinto de ler.

    ResponderEliminar
  2. Beatriz González Pérez 2º A Bach

    Eu recomendaría esta lectura porque me parece verdadeiramente interesante e ademais trata un tema que non é moi habitual na nosa literatura . Conta a historia dun neno que ten problemas para relacionarse porque sofre autismo . A pesares dese problema Christofer , que é como se chama o neno , leva a cabo unha investigación para saber quen foi o asasino de Wellington , o can da súa veciña a señora Shears . A raíz desa investigación descobre aspectos da súa propia vida que ignoraba e incluso chega a rexeitar o seu pai por mentirlle acerca da súa nai , que non estaba morta coma seu pai dicía senón que vivía en Londres con Roger , tras fuxir da casa por non aturar a situación familiar . Tamén lle oculta nun principio que foi el quen matou a Wellington , pero máis tarde acaba confesando . Ante o temor que sente Christofer do seu pai , foxe a Londres só , sen máis compaña que a da súa rata Toby para vivir coa súa nai . Coa chegada de Christother a situación da súa nai cambia radicalmente e volve a Francia con Christofer , onde se instalan nunha habitación alugada . O libro mostra como unha persoa con discapacidades psicolóxicas é capaz de aprobar un exame de matemáticas de bacharelato e mesmo chegar a Londres superando moitos obstáculos .
    É unha lectura que recomendo encarecidamente, principalmente polo tema que trata e a perspectiva dende a que o trata, posto que as dificultades moitas veces se superan se algo se desexa con moita forza .

    ResponderEliminar
  3. Paula Fernández Acevedo.

    Este libro está narrado por Christopher, un neno de 15 anos, este sofre autismo aínda que non aparece explícito no libro. É moi intelixente nas matemáticas e ciencias, vai a unha escola especial aínda que a el non lle gusta chamarlle así. O neno non entende o comportamento das persoas, ten medo ós lugares que non coñece, odia as cores marrón e amarela e encántalle o vermello.
    Christopher vivía co seu pai xa que segundo o seu pai, a súa nai morrera.
    Un día encontra o can da veciña morto, decide investigar que foi o que pasou e as anotacións ponas nun libro, este encóntrao seu pai e escóndello. Un día, en busca do libro, atopa unhas cartas da súa nai co que confirma que non estaba morta e fala co seu pai e dille que el matou o can da veciña. O rapaz marcha en busca da súa nai. Despois preséntase a un exame de acceso a bacharelato,vai vivir coa súa nai e entra na universidade.
    Este libro recoméndoo, gustoume moito, foime moi doado de ler.

    ResponderEliminar
  4. Monse Soliño Martínez club de lectura

    O libro gustoume moito porque é totalmente diferente ós libros que teño lido tanto no tema coma os personaxes, a distribución dos capítulos, pero sobre todo as imaxes porque dinamizan a lectura.

    É diferente ós outros libros porque non te podes identificar co protagonista xa que é especial polo que sempre sorprenden as súas reaccións violentas.

    O libro comeza introducindo o asasinato do can da veciña e logo pasa a relación entre os protagonista e os seus pais. O neno pensa que a súa nai está morta polo que vive co seu pai. Cando comeza a investigación sobre o can, o lector pódese anticipar varios sucesos antes de que o neno os entenda.

    O que máis me gustou do libro é que son sorprendentes as reaccións do neno: tanto se pon a chorar como a berrar ou ameaza alguén coa súa navalla ou dándolle un golpe. Ademais é moi inocente,intelixente a pesar de ser especial e consegue os seus propósitos con esforzo.

    O que non me gustou e que algúns capítulos fanse algo pesados porque se reitera.

    ResponderEliminar
  5. MARCO FERRETE FERREIRA (2ºB BACH.)

    Na miña opinión trátase dun libro moi interesante xa que nos fala dun neno que é autista, aínda que o autor non o exprese directamente no libro, e sen embargo fai alusións a que está nun colexio especial que nos fan comprender que realmente o é.
    Realmente a investigación sobre quen matou ó can é un tema secundario xa que é grazas a iso polo que sabe que a súa nai segue con vida (e considero a busca desta como algo máis importante).
    Este neno a min sorprendeume moito, porque é un rapaz que non lle gusta ter trato coa xente e asústase con facilidade ate se alguén lle fala pola rúa e máis aínda se o chegan a tocar (e quen o toque corre o risco de levar un golpe ou un navallazo) pero vese no libro como o neno é capaz de enfrontarse ós seus propios medos por conseguir o seu propio obxectivo.
    Ademais creo que habería que destacar a tremenda intelixencia do mozo, que aínda sendo autista ten unha mente privilexiada, ás veces resolvendo problemas matemáticos presentados no libro que a min me custou o meu tempo chegar a comprender. O neno tamén utiliza a lóxica para escribir algúns temas nos que fala da mente e chega ás súas propias conclusións.

    En conclusión, pareceume un libro moi ameno, de lectura sinxela e cun vocabulario nada complexo e que podería comprender todo o mundo.

    ResponderEliminar
  6. Denisse Estévez González 2º Bach. A

    É un libro que me chamou moito a atención. Lino non tanto polo que me atraese o argumento, senón porque era o recomendado polo club de lectura. Pero a verdade e que me sorprendeu e gustoume moito. O principio do libro pareceume gracioso e divertido pero canto máis vas lendo, dáste conta de que non só é o simpático que é, senón que transmite outra mensaxe diferente. Gustoume tamén porque agora entendo máis ás persoas que teñen autismo e iso paréceme moi interesante. É un libro diferente a calquera outro e recomendaríallo a todo o mundo xa que ademais é moi entretido e moi divertido. Cristopher, que é o protagonista, é o que sofre autismo e ten un comportamento totalmente diferente ó que nos coñecemos, e actuacións que véndoas dende seus propios ollos resultan completamente correctas e do máis normais. Considero o libro como un moi bo libro e léndoo non se vai perder o tempo xa que ademais de ler, aprendes.

    ResponderEliminar
  7. Iria Cortés Fernández

    Pareceume un libro moi entretido e moi fácil de ler, xa que dende o principio colles a historia e non podes para de ler.
    O neno,Christopher Boone, ten certos problemas de comportamento, por exemplo non pode estar nun lugar con moita xente, non o poden tocar fortemente...pero é unha persoa como outra calquera con sentimentos.
    Acusano de matar ao can dunha veciña. Wellington, pero el non o fixo e tenta averiguar quen foi, pero o seu pai non o deixa(ó final descóbrese que foi o pai o asasino)A súa nai morreu(iso dille o pai) pero a verdade é que se foi cun veciño o señor Shears e o rapaz, ó sabelo, foina buscar porque xa non confía no pai.
    Christopher é moi bo en matemáticas polo que vai presentarse ó exame de bacharelato aínda que está nunha escola especial, porque el quere estudar matemáticas e física.
    É unha historia moi entretida dende o punto de vista do rapaz xa que é a profesora quen lle manda escribir todo.
    A calquera que lle gusten as historias recomendaríalle o libro xa que é moi entretido e moi divertido.

    ResponderEliminar
  8. José Fernández Fernández

    O libro proposto para comentar gustoume moito pola súa orixinalidade e sobre todo polo personaxe principal da historia. O relato cóntase como un asasinato sen resolver dun can aforcado que era moi amigo do protagonista Christofer, un neno cun problema de autismo pero que é feliz e é moi bo nas matemáticas, tanto que a base destas resolve o misterio con moita lóxica. O personaxe do pai tamén é moi interesante xa que se descobre que el é o asasino, por que tíñalle celos do can da dona da que estaba namorado, ademais finxe que a súa muller morre e engana ó fillo xa que aínda vivía.
    É un libro que che fai pensar sobre as persoas con problemas especiais e no que se demostra que poden facer moitas cousas e non deben de limitarse e poden facer labores sociais e ata sacar o bacharelato. É un libro estupendo e, aínda que é longo, é moi fácil de ler.

    ResponderEliminar
  9. JESÚS PILARTE VILAR 2º Bach

    A min este libro pareceume moi interesante.Foi un dos libros que lin en galego que máis me gustaron.É moi interesante e non é un deses libros que comezas a ler e abúrrente, senón que cada páxina que les engánchate. O personaxe de Cristopher é un neno de 15 anos de idade...que é o que fai que o libro sexa así de interesante. Hai escenas que me chamaron moito a atención como cando se descobre que o pai non lle conta o das cartas que lle envía a súa nai, como o pai lle di a cristoper que foi el quen matou o can (wellintong).
    Eu recomendo este libro, parece moi longo, pero facilmente o podes ler nun día porque é moi ameno. E ademais, cando empezas, non podes parar.Tamén me pareceu un pouco mal o que lle fixera a nai, que marchara con outro para Londres. E tampouco me pareceu ben que o pas non lle dixera nada disto e que o enganase dicindo que morrera a causa dun infarto.

    ResponderEliminar
  10. Eva Pérez Costas.

    o libro gustoume moito, é un libro moi misterioso e entretido. Recoméndollo a calquera persoa de calquera idade.
    o que non me gustou do libro foron todas as descricións que facía o protagonista, como que me agoniaba un pouco que explicase todo con tantos datos e repetira tanto as cousas.
    o libro en si gustoume, sobre toda a historia, que parece que vai sobre un can e, en verdade, detrás hai outra historia moito máis interesante.
    Personaxes:
    -Pai: non me gustou que por rabia á súa muller matara o can da señora, cando ela non tiña culpa de nada de que fora o seu home o que marchase coa nai do protagonista. Algo que tampouco me gustou do pai foi que lle ocultase que a súa nai non morrera e que estaba en Londres co seu veciño.
    -A dona do can:deume moita pena,xa que, ademai de aturar que o seu home marchara coa veciña, o home da veciña mátalle o can,e ela pensa que foi o fillo.
    -Protagonista: era un rapaz moi raro e peculiar, eu penso que era autista.

    ResponderEliminar
  11. Eva Fernández Seijo

    O libro é interesante e é de moi fácil comprensión. É narrado polo protagonista, Christopher, un rapaz que é acusado por matar o can da señora Shears(Wellington). O rapaz esta seguro de que el non o asasinou e quere resolver o misterio da morte de Wellington. Comeza a averiguar e a interrogar os veciños na procura dalgunha pista. Christopher non é un rapaz común, ten moitas manias e unha gran paixón polas matemáticas e a lóxica que a aplica para intentar resolver este caso.
    Ao final averigua máis cousas das que tiña pensadas. Averiguou que a súa nai non estaba morta como lle dixera o seu pai. A súa nai marchou co marido da señora shears, co que mantiña unha relación sentimental, averiguou que o que matara ao can fora o seu pai. Despois destes sucesos vai buscar a súa nai.
    O tema do libro é algo raro pero é bastante entretido.

    ResponderEliminar
  12. Mónica Portela Táboas 2º Bah

    Recomendo este libro para a lectura porque á parte de ser sinxelo, encerra unha historia entretida e interesante.
    A historia comeza co descubrimento dun rapaz, Cristopher,con problemas para relacionarse, da morte dun can. O rapaz comeza unha investigación que irá redactando nun diario, no transcurso da mesma descobre por casualidade que a súa nai que morrera tempo atrás, enganaba ó seu pai co seu veciño. O pai, cando le isto no diario, decide arrebatarllo e cando Cris está na procura do seu diario descobre unhas cartas da súa nai dirixidas a el e posteriores á súa morte.
    A parte, na miña opinión, máis interesante do relato comeza aquí, cando ante a desconfianza de Cristopher cara ó seu pai que o tivera enganado, este decide fuxir onda a súa nai. Así a pesar dos seus problemas de autismo logra superar todos os obstáculos que se atopa na viaxe a Londres e chegar onda ela.
    Un feliz final resolve o relato, o que fai que este sexa máis agradable.
    A única parte do relato que modificaría serían os motivos que levan á nai a abandonar ó neno, causado pola impotencia ante o comportamento do rapaz, así como a relación co pai, e a súa aventura co seu veciño.
    En resume, animo a todo o mundo a que lea este libro

    ResponderEliminar
  13. Montserrat Misa Durán 2º Bacharelato.

    O libro "O curioso incidente do can á media noite" paréceme unha boa lectura xa que o protagonista é tamén o narrador e conta a historia dende o seu punto de vista, un punto de vista dun neno autista polo que fai continuas evasións do tema central para contar outros sucesos da súa vida.
    A parte para min máis interesante é cando Christopher descobre as cartas de Nai. Esta morrera dun ataque ó corazón, tal e como llo contara o Pai. Aquí o neno descobre que o seu pai levábao enganando moito tempo despois de que acordasen que dicir mentiras era malo.
    Aínda que a historia me gustou, creo que a técnica de escritura é algo complexa porque se producen demasiadas repeticións de palabras nunha mesma frase.Tamén porque escapa do tema central facendo explicacións matemáticas complexas, algo que non ten nada que ver coa trama.
    O que parecía a historia dun asasinato converteuse no descubrimento da súa verdadeira vida.

    ResponderEliminar
  14. Iago Carneiro Hermida 2º Bach

    Eu recomendo a lectura desta novela xa que é moi interesante e tamén moi fácil de ler. O meu personaxe favorito é Christopher xa que é un mozo de quince anos que padece autismo. Este personaxe encantoume xa que é moi listo e actúa de forma inesperada durante toda a novela chegando incluso a pegarlle a un policía e aos seus própios pais. Persoalmente o momento máis interesante da novela foi cando Christopher que é o protagonista da novela descubre que a súa nai non estaba morta e que en realidade quen matou a Wellinton(o can da veciña) foi o seu pai. Despois de enterarse deste suceso Christopher escapa da súa casa en Swidon e colle o metro para ir vivir coa súa nai en Londres, xa que non quería vivir máis con seu pai por mentirlle e por matar a Wellinton. O que máis me impresionou da novela foi que o protagonista é un mozo moi intelixente e con tan só quince anos estase preparando para realizar o exame de acceso a bachiller, sendo un tema constante durante toda a novela. En conclusión eu recomendo a lectura deste libro xa que me pareceu moi entretido debido as investigacións e aventuras do pequeno Christopher.

    ResponderEliminar